miércoles, 27 de enero de 2010

Ensalada de leituga con mollo de allo e mostaza




Hai trinta e oito anos eu non sabía que a leituga tiña que secarse despois de lavada e que existiran centrifugadoras para facelo sorprendeume. Que houbera outro aliño que non fora aceite e vinagre non me pasaba pola cabeza. Pero fun a Francia, a Chargueraud, no departamento de Allier, e na casa de Jacqueline Gonzalez, prima de miña nai, do seu marido Jean Forestier e do fillo Patrick coñecín a cociña francesa. Ela era unha excelente cociñeira e probei pratos que aída hoxe recordo: salchichón fresco ao forno en masa de pan, que despois vin en Bocuse; pato, foie, guisos de vitela en fondo branco, patés, queixos, viños...
Hoxe quero recordala preparado esta ensalada temperada ao modo que ela me ensinou. Doume conta agora mesmo que este foi o primeiro prato que cociñei!
Bon voyage, Jacqueline!
Leituga variada lavada e seca
1 dente de allo esmagado co esmagaallos ou pisado no almirez
1 c/sobremesa de mostaza á antiga
1 c/sopeira de aceite de oliva
1 c/sopeira de aceite de xirasol
1 c/sopeira de vinagre de viño branco
Pementa recen moída
Sal
Pomos todos os ingredientes do aliño no fondo da ensaladeira e revolvemos co unha espátula ata que o mollo espesa ao emulsionar.
Agora incorporamos a leituga e removemos suavemente para que as follas todas se impregnen do tempero.


Unha leituga honrada do invernadoiro da casa dos meus pais

No hay comentarios: