domingo, 22 de abril de 2012

San Gregorio Magno e o picnic das centolas



Vivimos pegados a capela de San  Gregorio, construída coas aportacións dos veciños hai mais de cen años. San Xoán tamén está, pero a capela foi dedicada ao primeiro: San Gregorio Magno; papa en Roma, doutor da Igrexa.
Celebrábaselle festa o 12 de marzo – tal día rexistrouse o seu falecemento, no ano 604- que tiña moita caída de xente na época dos meus avós. Había feira e festa: viñan vender, entre outra moitas cousas, tesoiras para vendimar. Tocaban gaiteiros e asistíase á misa solemne. Acudía  público de toda a comarca.
Na  posguerra, a Igrexa acordou que non houbera festexos nin romarías durante a Coresma. Dende aquela, o 12 de marzo só se lle di unha misa ó santo. A celebración festeira pensouse en datala no primeiro domingo despois de Pascua, pero naquela altura había xa un S. Xosé en Carracido, logo trasladouse ao segundo domingo.
Miña nai conta que o persoal acudía en gran número, traían a comida. Ocupaban as eiras das casas próximas á capela e os campos do redor. Miña avoa Sofía non daba feito porque entrábanlle pola porta e cando non lle pedían que lles quentase un caldo para un constipado, solicitábanlle que  gardase os paraugas da tropa ou que puxera roupa a secar a carón da lareira que, como agora, acostumaba chover e andaban húmidos e cheos de frío. Era un non parar.
Explica que o chan quedaba estrado de restos da papatoria. De maneira especial recorda os cascos de centola. Diz que tamén traían empanadas, tortillas e polos, pero sobre todo quedáronlle gravados  a abundancia de restos de centolas. Lembranzas de nena, quen o diría: ¡Traer centola  para comer na eira por S. Gregorio, que boa idea! 


No hay comentarios: